|
|
|
27 Jul 09 Monday
 |
A grande evasión A viaxe de ida
Un certo atordoamento amparouse de min e notei que dun lado a outro da galería voaban pardaos tamén apampanados, que seguramente entraran por algún cristal rachado da claraboia e agora non sabían saír e estaban presos coma min, intentando desesperadamente atopar un camiño a aquela Bretaña que seguramente nalgunha parte eles tamén habían ter.
Xosé Luís Méndez Ferrín, Bretaña, Esmeraldina
Europa e o ballet
A viaxe sen retorno
Calquera que conducise a vitoria até os nosos días marcha no cortexo triunfal dos dominadores de hoxe, que avanza por riba daqueles que hoxe xacen no chan. E como foi sempre o costume, o botín de guerra condúcese tamén no cortexo triunfal. O nome que recibe fala de bens culturais. Estes deberán atopar no materialista histórico un observador distante. Porque todos os bens culturais que abrangue a súa ollada, sen excepción, teñen para el unha procedencia na que non pode pensar sen horror. Todos deben a súa existencia non só á fatiga dos grandes xenios que os crearon senón tamén á servidume anónima dos seus contemporáneos. Non hai documento de cultura que non sexa á vez un documento de barbarie. E así como este non está libre de barbarie, tampouco o está o proceso da transmisión a través da que uns o herdan dos outros.
Walter Benjamin, Geschichtsphilosophische Thesen
Turnip Fields Forever
A viaxe no tempo
Neste sentido, logo, o “sexo” nunca funciona como norma, senón que ademais é parte dunha práctica reguladora que produce os corpos que goberna, isto é, cuxa forza reguladora se manifesta como unha especie de poder produtivo, o poder de producir -demarcar, circunscribir, diferenciar- os corpos que controla. De xeito que o “sexo” é un ideal regulatorio cuxa materialización se impón e se logra (ou non) mediante certas prácticas sumamente reguladas. Noutras palabras, o “sexo” é unha construción ideal que se materializa obrigatoriamente a través do tempo.
Judith Butler, Bodies that Matter. On the Discursive Limits of “Sex”
Narval
A viaxe polar
A febre
A viaxe alucinada
Exposta na súa nudeza, a descolonización permite adiviñar a través de todos os seus poros, balas sanguentas, coitelos sanguentos. Porque se os últimos deben ser os primeiros, non pode ser senón logo dun enfrontamento decisivo e a morte dos dous protagonistas. Esa vontade afirmada de facer pasar os últimos á cabeza da fieira, de facerlles subir a un ritmo (demasiado rápido, din algúns) os famosos chanzos que definen unha sociedade organizada, non pode triunfar senón cando se colocan na balanza todos os medios, incluída, por suposto, a violencia.
Frantz Fanon, Les damnés de la terre
Sempre nos matan
A viaxe cibernética
Tal como demostran os exemplos da composición dixital de filmes e as aplicacións de platós virtuais para a televisión, a era do computador introduce un paradigma diferente, que ten a ver, non co tempo senón co espazo. [...] O problema xa non é como crear imaxes individuais convincentes senón como mesturalas entre si. Polo tanto, o que agora é importante é o que pasa nos bordos onde se xuntan as diferentes imaxes. As fronteiras onde se dan cita as diferentes realidades é o novo terreo de xogo onde os Potemkins da nosa época tratan de superarse uns a outros.
Lev Manovich, The language of New Media
Os vingativos
A viaxe cara a adentro
Para asegurar aos nosos clientes que podemos darlles unha protección verosímil, precisamos tamén de forza, tanto física como psicolóxica. A capacidade de impor respecto, inspirar admiración e temor, atribuíuse frecuentemente a grandes mafiosos. Mais sobretodo os mafiosos teñen que ser quen de recorrer á violencia; a capacidade de impor castigos é crucial para o papel de garante: Peppe ten que ser máis forte do que todas as partes ás que protexe, xuntas, e ambas as partes teñen que saber que, no caso de “mal comportamento”, o castigo é unha opción factíbel e, para o mafioso, non tan cara. Se non fose así, as partes simplemente poderían devolver o golpe, protexéndose a si mesmas eficazmente das consecuencias de calquera acción que desexasen emprender.
Diego Gambetta, The Sicilian Mafia. The Business of Private Protection
Ti es Lawrence?
A viaxe en dromedario
A labor de calquera orientalista é confirmar Oriente ante os ollos dos seus lectores, xamais pretende nin intenta perturbar as sólidas conviccións que xa teñen. Todo o que a Bibliothèque orientale fixo foi representar Oriente dunha maneira máis completa e clara; o que podía ser unha colección de feitos desconectados entre si e tomados ao azar, feitos referidos á historia do Mediterráneo oriental, ao imaxinario bíblico, á cultura islámica, a uns nomes de lugares, etc., transformouse nun panorama racional de Oriente do A ao Z.
Edward W. Said, Orientalism
O futuro da navegación
A viaxe de negocios
Se a pirataría significa usar a propiedade creativa de outros sen o seu permiso -se é verdade o de “se hai valor, hai dereito”- daquela a historia da industria de contidos é unha historia de pirataría. Cada un dos sectores importantes dos “conglomerados de medios” de hoxe en día -o cinema, os discos, a radio e a televisión por cable- naceu dunha forma de piratería, se é así como a definimos. A historia, que se repite sistematicamente, consiste en que a última xeración de piratas se fai membro do clube dos privilexiados nesa xeración -até agora.
Lawrence Lessig, Free Culture. How Big Media Uses Technology and the Law to Lock Down Culture and Creativity
O último vampiro
A viaxe de noivos
Regala algo vermello. Doa sangue.
Campaña 2004-2005 do Centro de Transfusión de Galicia
No estómago dun crocodilo
A viaxe onírica
Mais cando tiveches un pesadelo, cal é a natureza dese elemento ausente que é tan difícil de comunicar a outros?
É a parte subxectiva. Non pode afectar a Bob do mesmo xeito que afecta a Sam e do mesmo xeito que afectaría a Susie. Todos veñen de lugares diferentes. Poida que o que te asuste no soño sexa algo completamente absurdo, mais funciona contigo. Mais ese temor é demasiado abstracto. O meu amigo Jack Fish tiña un soño recorrente sobre unha llanta que rodaba sobre a estantería dun garaxe. Roda e roda e case cae por un lado, e daquela roda para o outro lado. E roda para o outro lado até que case cae. Esa simple llanta rodando dáballe medo. Vai ti saber! O ingrediente esencial é completamente imposíbel de comunicar. Debe haber algunha información adicional entrando por algures, e así un pequeno detalle cárgase de certo coñecemento.
Chris Rodley e David Lynch, Lynch on Lynch
Estrela errante
A non viaxe
Aquí remata o primeiro, longo e tráxico estadio do vivir de Adrián Solovio. A súa vida dende agora identifícase coa vida da Galiza; xa non é novela, nin experiencia psicolóxica. Xa é historia. Pois a Galiza tamén comeza a ser outra volta historia des que deprendeu os camiños para atopar a súa conciencia e deixou de andar, como unha cega, arredor de si.
Ramón Otero Pedrayo, Arredor de si
A abordaxe final
A última viaxe
-Os médicos son todos uns pailarocos, rapaz. E este de aquí, imos ver: que carallo entende das doenzas da xente de mar? Eu estiven en países máis ardentes que un forno, onde os meus compañeiros caían como moscas, atacados pola febre, e o chan, estremecido polos terremotos, cambaleaba como o mar... que entende ese matasáns destas cousas?... e no entanto, meniño, tes que saber que eu vivía e me alimentaba exclusivamente de ron. Eramos inseparábeis, como marido e muller. Acredita, rapaz: se non mo das axiña, embarranco como unha chalupa vella e o meu sangue caerá sobre ti e sobre ese matasáns do diaño...
Robert Louis Stevenson, Treasure Island
Criptozooloxía aplicada
A estraña viaxe
De todos os animais acuáticos poderedes comer estes: todos os que teñen aletas e escamas, tanto das augas do mar como dos ríos. Mais todos os que non teñen aletas nin escamas, tanto no mar como nos ríos, así como calquera outra criatura acuática e calquera outro ser vivinte que haxa na auga, serán para vós detestábeis. [...] Das aves, as que detestaredes e non comeredes por detestábeis son: a aguia, o voitre, o azor e o miñato, segundo as súas especies; todo corvo segundo as súas especies; a avestruz, o cormorán, a gaivota e o falcón, segundo as súas especies; a curuxa, o somorgullo, o moucho, o calamón, o pelícano, a cegoña e a garza, segundo as súas especies; a bubela e o morcego. [...] Entre os animais que se desprazan sobre a terra, estes seranvos inmundos: a donicela, o rato e a tartaruga, segundo as súas especies; o camaleón, o crocodilo, o lagarto, a lagartixa e o calamón. [...] Todo réptil que se despraza sobre a terra é detestábel; non será comido. Non comeredes ningún animal que se despraza sobre o seu peito, nin ningún que se despraza sobre catro ou sobre moitas patas -todo o que se despraza sobre a terra- porque son detestábeis. Non fagades detestábeis as vosas persoas por causa de ningún réptil. [...] Estas son as instrucións acerca dos animais terrestres, das aves, de todos os animais acuáticos e de todos os animais que se desprazan sobre a terra; para diferenciar entre o inmundo e o limpo, entre os animais que se poden comer e os animais que non se poden comer.
Levítico, 11, 9-47
Non hai lúa
A viaxe interestelar
Mais todo isto ocorrera antes, como un longo soño. Agora estaba esperto e sereo, agardando polo día, nun aire que o mencer tinxiu de prata e ante as rochas severas, que de vagar foron aparecendo como riscos, penas e ladeiras e que xurdiron da noite como unha confirmación silenciosa da realidade do meu regreso. Só por primeira vez, mais non un estraño na Terra e xa sometido ás súas leis, puiden pensar, sen rebelión nin arrepentimento, nos que se preparaban para ir á procura do vélaro de ouro das estrelas...
Stanislaw Lem, Powróz z Gwiazd
Alcatraz
A viaxe de volta
E é daquela cando Ethan, que parecía estar a piques de entrar na casa dos Jorgenson (o futuro), afástase a un lado para deixar pasar a parella de mozos e dá a volta para “vagar eternamente na chaira”, como a súa némese india. Scar e Ethan, irmáns de sangue no seu cometido de xusticeiros primitivos, sacrificáronse para facer posíbel a civilización. Eis o significado da porta que se abre e se pecha nas tebras. É a historia de América.
Joseph McBride e Michael Wilmington, John Ford
Powered by  | | English | | Albanian | | Arabic | | Bulgarian | | Catalan | | Chinese | | Croatian | | Czech | | Danish | | Dutch | | Estonian | | Filipino | | Finnish | | French | | Galician | | German | | Greek | | Hebrew | | Hindi | | Hungarian | | Indonesian | | Italian | | Japanese | | Korean | | Latvian | | Lithuanian | | Maltese | | Norwegian | | Polish | | Portuguese | | Romanian | | Russian | | Serbian | | Slovak | | Slovenian | | Spanish | | Swedish | | Thai | | Turkish | | Ukrainian | | Vietnamese |
|
|
|
|
27 Jan 09 Tuesday
 |
Current mood:  adventurous
Ataque Escampe: “O sentimento de auto-odio segue presente en Galiza”
Unha entrevista de Eva Garea Busto Unha instrumentación sinxela acompañada de letras cargadas de retranca. Isto é o que caracteriza fundamentalmente a música de Ataque Escampe. Un grupo compostelán que nace en 2001 no Campus Norte da cidade, froito das xuntanzas dos membros do grupo na cafetaría da Facultade de Filoloxía. Mais non será até o 2007 cando comecen a adquirir recoñecemento e certo prestixio dentro do panorama musical galego, obtendo o galardón do concurso GZ Crea ou o I Premio de canción de autor Utopía Son.
O seu segundo e último disco, Galicia es una mierda, tivo unha grande aceptación de público, converténdose así nun éxito para o grupo. Un disco cun título un tanto irreverente que mira con ollos críticos a Galiza que o arrodea, lanzándolle unha mensaxe directa para que buligue e tome consciencia de si mesma.
Este mes de decembro, Ataque Escampe pecha o ano poñéndolle fin á súa xira, pasando a se mergullar de cheo na creación do que será o seu terceiro disco, no cal aseguran atoparemos cambios e sorpresas ao seu estilo musical.
Hai unha intención provocadora na escolla do título do voso último disco Galicia es una mierda?
En certa maneira buscamos provocar de forma positiva, non é para nada unha provocación gratuíta. Por iso lle chamamos Galicia es una mierda e non ‘Galiza é unha merda’. Nunca lle chamariamos desta forma, xa que tampouco compartimos esa idea. Realmente coa elección do título o que provocamos é que todo o mundo tomase unha posición respecto del. Diante dun título así ninguén queda indiferente, incluso a xente que normalmente non se pronuncia sobre estes temas, faino ante este título. De feito, El Corte Inglés, que non se caracteriza precisamente pola súa defensa de Galiza, non permite a exhibición e a venda do noso disco alí polo título que leva. Ao final a quen máis ofende é á xente que pensa, aínda que non o manifesta claramente así, que ‘Galicia es una mierda’. Ademais, coa escolla deste nome tentamos politizármonos un pouco porque o disco anterior non era explicitamente político. E politizármonos desde a ruptura do tópico, dicindo algo que quizais se presenta como un absurdo, mais que agocha unha verdade. Unha verdade que parte dun sentimento de auto-odio que existe en Galiza e dunha realidade galega que non nos gusta a todos, e coa cal debemos ser críticos.
Nalgunha das vosas cancións, como a que lle dá título ao disco, referídesvos a esa cuestión do auto-odio, credes que os galegos seguimos arrastrando ese complexo de inferioridade que tanto nos caracterizou?
Claro que segue existindo. Se cadra non en toda a xente pero si que hai un núcleo moi importante que vive alleo ás diferenzas de Galiza, xente que se avergoña das súas raíces. Unha actitude coa cal nós non estamos de acordo e que criticamos. Pero o auto-odio non é só exclusivo da lingua galega, pode estenderse a outros ámbitos sociais. Os galegos non temos o seu monopolio. Hai unha anécdota que nos aconteceu hai uns meses, relacionada con esta cuestión, e que tamén nos axudou a poñerlle título ao disco. Dunha vez nunha cafetaría en Lugo, preguntámoslle a unha señora que estaba sentada ao noso lado, se estaba libre unha cadeira da súa mesa. E ela contestounos dicindo “Es que si no me hablas castellano no te entiendo”. Era de Lugo, e era unha señora cun pronunciado acento galego. Feitos coma este lévannos a reafirmar aínda máis o título Galicia es una mierda!
Que outras cousas vos producen ese malestar ou descontento coa Galiza actual?
Galiza forma parte do mundo e nós non o vemos con lentes de cor de rosa, senón que somos críticos. Existe certo tópico de que Galiza é moi “bonita” cando en realidade isto agocha outro tópico, que vén da xente que realmente a está destruíndo ecoloxicamente, lingüisticamente e socialmente. Nós tentamos posicionarnos respecto disto e cos cambios que viviu Galiza nos últimos anos, como o cambio de goberno. Antes era moi fácil manter un discurso crítico co PP. Agora que non está, non cremos que haxa que cambiar nada dese discurso crítico. Pero nalgúns ámbitos si se está a cambiar. Agora vese unha actitude máis conformista na xente.
Que adxectivo nos definiría aos galegos?
Cando fomos a Valencia tocar, antes do concerto houbo unha especie de coloquio sobre Galiza e preguntámoslles aos que estaban alí que imaxe tiñan dos galegos. E contestaron dicíndonos que os galegos eramos raros (risas). Buscar un adxectivo para definir todos os galegos é moi complexo, non cabe nunha palabra. Aínda que raros é un adxectivo o suficientemente amplo que pode albergar de todo. Pode entenderse de moitas maneiras. Creo que podemos quedar con raros para definir todos os galegos (risas).
Definídesvos como un grupo de rock de serie B, porén os instrumentos que empregades son sinxelos, melodiosos, que dan como resultado un son moi acústico... segue sendo rock?
Rock si que é. As formas son as do rock. Quizais poida asociarse cun rock de garaxe. Pero en realidade a categoría de grupo de rock de serie B vén simplemente porque cando comezamos faciamos a música cos medios que tiñamos á man. A escolla da instrumentación foi o que foi polas limitacións que tiñamos para poder dispor dos instrumentos. Temos unha instrumentación un tanto estraña: un xilófono, un kazoo, guitarras acústicas, guitarras eléctricas… aínda que as guitarras eléctricas tocámolas dun xeito bastante peculiar. Somos un tanto ‘frikis’ canto á instrumentación. Traballamos con instrumentos raros, pero tampouco tocamos explotando a súa rareza, senón facendo que semellen un instrumento máis.
Nunha entrevista diciades algo así como “tocamos descompasados e desafinados”, non fai falta cantar e tocar ben para facer boa música?
Fai falta. O que pasa, é que como nós non a facemos temos que xustificarnos con algo (risas). O de rock de serie B tamén vén un pouco por aí. Agora estamos entre dúas augas. Por un lado queremos seguir mantendo ese discurso “punk” e desenfadado, pero por outro está a necesidade dunha mellora técnica. Pero si que se pode manter un grupo non tocando moi ben, aínda que nós tampouco queremos quedar aí, gústanos mellorar e avanzar para que os nosos concertos sexan máis escoitábeis (risas).
As vosas letras están cheas de retranca, ironía e sátira, é aí onde reside o voso éxito?
Pensamos que si. A verdade é que as letras nun principio teñen importancia, porén co tempo esa importancia faise máis relativa. No momento no que decides facer letras en galego sen falar dos tópicos, porque verdade é que o galego se emprega dunha forma moi encadrada para falar de Galiza, as letras fanse importantes. Cando comezamos eramos case un grupo de cantautores. Agora non. Pasamos a prestarlle tamén atención ao son.
Como é o proceso de creación das vosas letras?
A elaboración das letras é froito dun traballo en conxunto no que todos participamos. E a inspiración vénnos daquilo que nos arrodea e imos vendo. Ultimamente estamos a coller como referencia, seguindo unha tendencia que hai na música, outros medios como o cinema, a televisión… En todas as partes atopamos inspiración para facer música.
Por que o barrio de Vista Alegre é unha fonte de inspiración para vós?
Porque pasamos alí moito tempo. É a nosa sede espiritual. Pero agora, desde que puxeron a SGAE alí, Ataque Escampe comezou o seu traslado cara a outras terras de Santiago. Agora estamos moito pola zona de San Pedro. De todos os xeitos, non abandonamos Vista Alegre, seguimos indo por alí para facer algo moi rockeiro e moi populacheiro: beber viño nos bares, acompañado das tapas que che serven. Son todos bares bastante auténticos os desa zona. Reunímonos alí para beber antes de saír. Houbo un tempo no que o faciamos máis. Ese feito de beber resume ben a música, no sentido en que por unha banda che dá alegrías e pola outra tamén che pode dar penas (risas).
Que diferenza Vista Alegre doutros barrios de Compostela?
Diferénciase, se cadra, do que é o centro de Santiago. En Vista Alegre estás nun ambiente popular que bebe moito da cultura do rural, e iso é o que o fai diferente do centro, ateigado de estudantes universitarios. É un lugar un tanto melancólico. Podemos adiantar tamén que ás veces imos tomar cafés ao barrio de Sar, que non se nos anoxen os de Vista Alegre! Son barrios practicamente iguais.
Este último mes de novembro andastes de xira por Barcelona, Valencia e Alacante, como foi a experiencia?, tivestes boa acollida?
Foron experiencias distintas. En Barcelona tocamos dentro da Universidade e en Valencia nun centro social. Son ámbitos diferentes. Pero tanto nun coma noutro o resultado e a valoración final foi bastante positiva. Non cómpre dicir cal foi mellor (risas)... en xeral caemos simpáticos. Non había moitísima xente mais a que había pasouno ben e divertiuse connosco.
Como dixerides as críticas que vos chegan?
Ás veces cústanos. Aínda así somos 5 estómagos e intestinos a dixerir e ímolo levando. Polo de agora non tivemos unha indixestión de críticas (risas). Tamén, ao facer unha cousa que se arreda do común e esperábel atopas moita xente á que non lle gusta, e que rexeita esa certa soberbia que podemos transmitir a través do título ou de nós mesmos. O feito de darmos os concertos sen fixármonos tanto nos detalles, e deixar que as cousas saian como quixeren, é considerado por moita xente como soberbia. Resignémonos, está claro que nunca lles vas gustar a todos. De calquera xeito as críticas que recibimos proveñen por parte dos medios máis asentados. Son malas críticas das que nos sentimos orgullosos ou non nos molestan tanto como se chegasen doutros ámbitos. Son moitas veces críticas que non se basean na calidade da música, as cales serían comprensíbeis, senón que se apoian no propio concepto do grupo.
Buscades un perfil concreto no voso público?
Non é que o busquemos, pero si que é verdade que os nosos ouvintes comparten un determinado perfil. Tampouco é que sexa un público moi concreto. En xeral cremos que lle gustamos máis, aínda que isto sexa un pouco ofensivo, a quen non lle gusta moito a música. Ao afeccionado especializado non lle agradamos tanto. Hai un perfil de público ao que lle gustamos moito nos concertos: un público punk, mozo... Aínda que tamén temos un público máis adulto, ao que lle gustamos polas letras. En xeral podemos dicir que o noso público é bastante amplo.
Cal é a situación que atravesa a música galega e en galego?
A diversidade de grupos é maior e van xurdindo cousas distintas. O que non hai, como si había hai 10 ou 15 anos, é un par de grupos ou tres que sexan de coñecemento masivo, porque a industria tampouco facilita que un grupo se faga moi coñecido. Hai máis grupos, con maior calidade e variedade, pero non temos unha difusión a grande escala, como eran os Heredeiros da Crus ou Os Diplomáticos de Monte Alto. Antes había plataformas que eran máis masivas pero se cadra menos estábeis, como o foi o Xabarín Club. Estamos nunha época na que podemos ser optimistas dunha maneira controlada. Antón Reixa dicía algo así como “Se as polaroid fosen máis baratas todos seriamos máis artistas”. E agora estamos nese nivel, no que as polaroid son baratas. O que se traduce na música nunha maior facilidade de acceso aos espazos e estudos de gravación. Hai máis grupos, porque é máis doado facer música. Pero isto tamén provoca que mude o concepto de arte ou de artista, do que é facer boa música.
Este mes pechades un ciclo na vosa traxectoria musical. Fin da xira e comezo de creación. Estades centrados xa no voso seguinte disco?
Levamos o novo disco na cabeza, estamos pensando moito nel. Neste momento imos polo bosquexo. Ímolo gravar en febreiro coa idea de que saia en marzo ou abril. Pero primeiro deberemos rematar esta etapa con Galicia es una mierda. Para a semana porémoslle fin á xira cun último concerto en Santiago, no que aproveitaremos para tocar e cantar cancións que non viñamos tocando até o de agora a xeito de despedida. Tamén aproveitaremos este concerto para presentar o noso novo EP, que leva por nome ‘Galicia es una fiesta’. Acabamos con Galicia es una mierda e empezamos ‘Galicia es una fiesta’.
Haberá cambios e sorpresas no novo disco?
Si, haberá cambios no son. No tocante ás letras, deixaremos atrás a abundancia de referencias que había en Galicia es una mierda. Queremos facelo máis abstracto, por unha simple cuestión de variar e facer unha cousa diferente ao que xa fixemos.
Como afrontades este novo período de xestación?
Ben. A gravación do anterior disco, das maquetas e os EPs serviunos para coller experiencia. Xa temos aprendido como hai que facer as cousas. Sabemos mellor como preparalo: gravando antes na casa… Se cadra tamén somos agora un pouco máis espelidos á hora de saber se un tema funciona ou non. Esa experiencia que fomos adquirindo vai ser moi positiva para a elaboración deste novo disco, xa que evitará que caiamos en erros cometidos anteriormente.
Cal é o voso balance final deste ano que está a piques de pechar?
Prolífico, a verdade. Debemos dar 35 ou 40 concertos, que para un grupo das nosas características está moi ben. Chamáronnos de sitios que o ano pasado nin podiamos imaxinar; tocamos en varios festivais; pedíronnos para facer máis entrevistas... Todo vai rodado! (risas). Imos gañando un pouco de respecto. E unha cousa moi positiva da que nos percatamos é que iamos tocar a calquera vila de Galiza e sempre aparecían tres ou catro persoas que non nos coñecían persoalmente, porén xa sabían as letras das nosas cancións e cantábanas. E iso é moi satisfactorio. É síntoma tamén de que o disco, a nosa mensaxe, lle chegou á xente.
..
..
Cita: |
Hei, que Galicia es una mierda xa o sei, con touciño e con queimada tamén, non o ves? Moi bien, todos os traumas xa chos escoitei pero ti es parvo de abondo tamén, non te ves? Non busques no espello, non tes perfil bo, empeza mudando a roupa interior. Hei, que Galicia es una mierda xa o sei, cos piñeiros e o luar outra vez: pracidez. Moi bien, a terriña non está no iron way con maletas e proxectos de lei do revés. Empezas pedindo un whisky on the rocks e acabas cantando no espazo exterior. | ....
Powered by  | | English | | Albanian | | Arabic | | Bulgarian | | Catalan | | Chinese | | Croatian | | Czech | | Danish | | Dutch | | Estonian | | Filipino | | Finnish | | French | | Galician | | German | | Greek | | Hebrew | | Hindi | | Hungarian | | Indonesian | | Italian | | Japanese | | Korean | | Latvian | | Lithuanian | | Maltese | | Norwegian | | Polish | | Portuguese | | Romanian | | Russian | | Serbian | | Slovak | | Slovenian | | Spanish | | Swedish | | Thai | | Turkish | | Ukrainian | | Vietnamese |
|
|
|
|
02 Sep 08 Tuesday
 |
1

É un segredo a voces que os debuxos animados de Akira Toriyama foron o máis parecido a unha cosmogonía que coñecimos os nenos ateos da nosa xeración. Aprendeunos que o ser humano pode inventar nomes que non existen, e puidemos utilizar todos eses nomes para esta danza de guerra que nos leva a inmolarnos ao bonzo como última solución. Cara ao final demos rédea solta á procura de sonoridades supostamente xaponesas (e que non o son en absoluto) como as cuncas tibetás e as escalas pentatónicas. A batería sintética foi o noso tambor de combate para que se note que estamos de moi mala hostia desde que xa non hai verán no planeta Namek.
2

Non somos nada agás a nosa máscara. O que ven os outros é o que hai. N'A granxa de Alexandre nunca pasamos fame porque así o decidimos nós. Que máis dá se despois arranxamos as nosas diferenzas a navalladas e bebemos porque non temos cartos para comer? Sempre diremos: son as cousas do rock de serie B. E seguimos sorrindo mentres o galo de madeira do tellado nos censura coa mirada. E seguimos facendo todo o que non se debe facer: deixar falar os banjos nos retrousos e os serruchos nas pontes e os clarinetes nos intervalos. Ademais polas costuras parece escapar por momentos un son de rumba. Que non é, por certo, un ritmo español. E despois, no Tarasca, Carlos Figueiras invítanos ao quinto whisky. Non se vive tan mal nesta granxa despois de todo.
3

Nadina é unha melodía monótona que se vai cubrindo de ruídos verso tras verso. Todo o tempo parece que algo ten que rebentar e nunca rebenta nada. Iso é a vida, non? Limitámonos a enumerar os lugares onde cabe o amor, mais isto non é máis que a punta do iceberg. A gran traxedia está moi por debaixo e nós non a coñecemos.
4

Up patriots to arms! Non imos confesar se escoitamos ou non os nosos contemporáneos, mais estamos dispostos a facer unha canción sobre eles e a tocar a guitarra igual de forte ca nun directo do máis puro rock de serie B. O noso mamoneo achégase perigosamente ao beixo negro e por iso ten un sabor, digamos, incómodo. Non temos moito medo de ser unhA banda desdenhada (co seu nh e todo) despois deste catálogo musical de 2 minutos. Somos malvados, mais estamos cheos de amor.
5

Serafín é unha canción escrita desde a máis pura envexa. Nunca a tomamos moi en serio e por iso lle puxemos un baixo anos oitenta. E despois, para redimirnos, Ramiro Ledo, que é un santo, fíxonos un videoclip. Ao final hai unha descarga de electricidade que gravamos cunha guitarra de 7 cordas para tocar heavy metal, e por iso se se escoita o tema do revés aparece a marcha do antigo reino de Galiza.
6

Un home confesa, con infinita vergoña e unha certa tenrura, as limitacións amorosas que lle impón o seu xénero. Isto é todo o que contamos en I'm not your man. Servímonos dunha cadencia tranquila de ondas do mar e dunha tuba na que se reflicte o sol da hora do vermú. O violín desafinado dá a clave tan necesaria de que ninguén é perfecto, e os coros duduá saben a gotas de coñac no café. Leonard Cohen afirmaba: son o teu home, e acabou nun mosteiro budista. Nós, que non o somos, seguiremos dentro de cincuenta anos igual de bébedos e de viciosos.
7

Na vida nocturna de Compostela, mentres hai Ruta hai esperanza. Cando o Ruta pecha só queda a cama, o croissant ou o campo de nabos. Non é que aspiremos a que a futura canción para pechar o Ruta (privilexio que hoxe por hoxe, cremos lembrar entre as nebulosas do alcol, ostenta Radiohead) sexa esta. Conformámonos con conxelar eses amenceres de mans frías através dunhas cordas profundas e unha percusión con alma grande que evoca o Harvest de Neil Young. Canta o guitarrista porque ao cantante habitual lle saltaban as bágoas no solo de kazoo. A voz feminina convirte esta carnicería nunha imaxe onírica filmada friamente por David Lynch. A nós nunca nos ha de pasar o que conta a canción porque en Compostela temos onde parar, mais para o resto aconsellamos non coller nunca o carro despois de pechar o Ruta, que é moi perigoso conducir co corazón roto.
8

Quero ser o malo da película é unha das primeiras cancións de AE e, casualidade, fala sobre a furia e a destrución. O tema pode parecer dunha crueldade gratuíta, mais dixo alguén que co guión de vida que se nos impón a única actitude sá nestes tempos só pode ser a de querer ser o malo da película (ou filme). E outra gran verdade é que os peores malos, os de verdade, sempre teñen unha profundidade que non terá xamais o teu heroe, xa ves. O violoncello sintético que fai os graves dálle á canción o punto tétrico que merece, e pola metade un cuatro venezolano axúdanos a crear a falsa calma do ollo do furacán que rebenta finalmente no riff do violín. Nunca sabemos se este tema é triste ou alegre.
9

Vista Alegre é un bairro de Compostela en cuxas tascas é doado atopar os músicos de Ataque Escampe libando os néctares de 50 céntimos e degustando as ambrosías que poñen de petisco. Tampouco nos enganemos: unha tasca de Vista Alegre non é un guateque, e a euforia que dá o seu viño vai sempre contrapunteada de amargura (e non, non falamos da calidade do viño), por iso o tema ten o ton circunspecto que ten que ter unha boa canción tabernaria. Ademais antes de rematar a gravación pechou o Mariñeiro, que era onde pediamos os cafés con coñac e viceversa e liamos o horóscopo en voz alta (o Mariñeiro era escorpio), e por iso acabou vencendo a tristeza e fixemos que os acordeóns soasen máis longos e mantidos do normal e que a trompeta do final fose unha despedida digna dun filme de Sam Peckinpah. Ah: non á SGAE.
10

Se o filósofo francés Alain Badiou chegase coa súa vella guitarra ás costas e o seu chapeu texano gastado a un bar de Nashville, miraría arredor, levantaría o copo de bourbon na dirección da rapaza loira do fondo (a que está sentada a carón do touro mecánico), tusiría sen dúbida e cantaría Arredor da cuestión nacional. Unha canción de amor. A nosa humilde aportación á música de raíz. Un momento: de que raíz?
11

Un artigo aparecido na revista Sada Masoquista e asinado por un misterioso Alfonso González del Campo deunos a idea. "Patatas, maíz, millo miúdo". Eureka. O resto foi unha necesidade exibicionista de facermos o hara-kiri diante de todo o mundo. Galicia es una mierda? Depende, claro. En calquera caso é do tipo de cousas que alguén ten que dicir para que se fale delas e nós, que ninguén o dubide, estamos aquí para abrir e reabrir feridas. Hai unha batería por ordenador e un xilófono do xuízo final. E sobretodo enumeracións: bos e malos, amigos e inimigos, vivos e mortos, coñecidos e descoñecidos, todos estamos condeados a viaxar xuntos na arca de Noé. Retranca? Claro. Ironía? Tamén. Descontento? Moito. En todo caso, que remate canto antes o dioivo e despois falaremos. Boas noites, e até mañá.
12

Afogar as penas en ficción está ben, aínda que cómpre non perder tampouco de vista a botella. Raymond Chandler sabíao moi ben. Un festival de instrumentos de corda, con trasteos deliberados, para esta historia difícil que se chama O longo adeus.
13
Que facer? Os problemas do noso movemento xa non son candentes: son fríos como a resaca nun motel de Las Vegas en inverno. 3 cantos a Lenin é cando o desencanto, o despropósito e o desamor se che condensan nos ollos e soa a un blues que non se dá disfrazado de todo ben de valse apesar do metrónomo. Son os vellos tempos que nunca voltarán e as pantasmas no fondo da botella de Smirnoff. A tristeza non é necesariamente pesimista e os finais tristes son os únicos que anos despois se poden perceber como fermosos. Un iak diría que Siberia tamén pode ser un lugar agradábel. E que nos queda, tovarich? A miseria da vida? Non moito que facer, abofé. Se acaso, falar da liga de baloncesto cos mencheviques.
Powered by  | | English | | Albanian | | Arabic | | Bulgarian | | Catalan | | Chinese | | Croatian | | Czech | | Danish | | Dutch | | Estonian | | Filipino | | Finnish | | French | | Galician | | German | | Greek | | Hebrew | | Hindi | | Hungarian | | Indonesian | | Italian | | Japanese | | Korean | | Latvian | | Lithuanian | | Maltese | | Norwegian | | Polish | | Portuguese | | Romanian | | Russian | | Serbian | | Slovak | | Slovenian | | Spanish | | Swedish | | Thai | | Turkish | | Ukrainian | | Vietnamese |
|
|
|
|
11 Mar 08 Tuesday
 |
Current mood:  pirate
(Fragmento tirado dun artigo da Galipedia, construído por algunhas mans altruístas alleas a Ataque Escampe e por outras máis ególatras do seo do grupo)
Ataque Escampe é un grupo de rock acústico formado no ambiente universitario da cidade de Santiago de Compostela por rapaces de diferentes zonas do país contra o remate do ano 2001. Nese momento os seus seis membros, Samuel, Pablo, Álex, Dani, Miguel e Roi, comezan a ensaiar de xeito irregular na residencia universitaria do Monte da Condesa, ademais de gravar con pésimos medios (por exemplo, cassette) temas de corte folk-rock (o laúde e o violín aparecían ao lado da guitarra eléctrica) que a nivel letrístico unen o experimentalismo con elementos de temática bravú.
A mediados do 2002 o grupo, con Samuel, Álex, Miguel, Roi e Estevo, principia a dar concertos (entre os que destaca o celebrado no Coliseo Noela de Noia con motivo do 1º concerto expansivo Nunca Máis organizado por Burla negra, e no que segundo os propios Ataque Escampe recoñecen evidenciaron a escasa rodaxe musical que posuían nesa altura). A banda grava tamén unha maqueta con mini-disc na que xa se vai albiscando o seu estilo actual, ao apareceren por vez primeira un son acústico e suxo, certo eclecticismo e unhas letras irónicas que comezan a afastarse da inmediatez do bravú. 
Transcorren logo dous anos de traxectoria discontinua (2004 e 2005) debido á dispersión xeográfica dos compoñentes do grupo, que non deixan porén de compoñer temas e gravar algunhas maquetas sen excesivas pretensións. A actividade regular de concertos é retomada por AE, con Samuel, Álex, Miguel e Roi, en 2006. Ese ano supón un ponto de inflexión na traxectoria da formación, xa que obtén algo de relevancia ao gañar co tema Afganistán Canto o I Premio de canción de autor Utopía Son, celebrado no Café Uf de Vigo. 
O 2007 é un ano cargado de acontecementos para o grupo. Por unha banda, editan o seu primeiro traballo, que nun principio, polos escasos medios e tempo cos que é realizado, non conciben para a publicación, senón coma maqueta para presentar aos locais e conseguir concertos. Trátase de Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos, un disco publicado en formato electrónico e baixo licenza Creative Commons en A Regueifa Plataforma, e no que unha parte dos temas son de estudo e a outra un directo gravado con mini-disc no Café Uf. Nese mesmo ano, ademais de seren seleccionados para a Rede Galega de Música ao Vivo e realizar a Xira Bela Lugosi 2007, participan no disco-tributo a Andrés do Barro Manifesto Dobarrista, editado conxuntamente pola Regueifa Plataforma, Falcatruada e Lonxa Cultural e que reúne a todo o panorama de grupos novos dos últimos anos. Nese disco versionan a canción do ferrolán Para che falar de amor, que interpretan tamén no programa-homenaxe do devandito músico, "Saudade de ti", na TVG. A finais de ano prodúcense cambios na formación: Samuel causa baixa temporal e entra como novo membro permanente Marco, que enriquece substancialmente o abano de posibilidades sonoras do grupo. E completando un ano frenético, Ataque Escampe acadan en Outubro o 1º Premio do Gz Crea 2007 na modalidade de música, coas cancións Tango do sintasol e Ana e o caracol.
 
A principios de 2008 incorpórase á banda un novo membro, Paq, e publícase o primeiro traballo longo de Ataque Escampe no selo A Regueifa Discos, tanto en formato físico como en edición dixital. O seu título, Galicia es una mierda, é decidido nunha enquisa aberta na páxina web da banda. Coa Xira A invención da pólvora 2008 o de novo sexteto presenta o disco por toda Galiza. O grupo grava tamén dous temas soltos: Unha tarde no zoo (para o concurso A polo Ghit da Radio Galega) e Ningún lugar seguro (GalegoZ Remix), este último canda algúns dos membros de GalegoZ para un CD colectivo de Ediciós do Cumio.
A finais de 2008 edítase Galicia es una fiesta- Ataque Escampe meets Dr.Painkiller, EP no que Marcos Payno remestura cinco dos temas do primeiro LP da banda.
 En 2009 entra no grupo Lois, que incorpora os teclados na formación. Amais, Roi cambia o caixón flamenco pola batería electrónica. O resultado, un son máis sofisticado que se fai patente no LP A grande evasión, publicado en maio dese mesmo ano.
ESTILO
O estilo de Ataque Escampe, autodenominado "rock de serie b" pola precariedade de medios na que comezaron e tamén por certo antivirtuosismo, ten coma alicerce o rock acústico e o folc-rock estadounidense, sendo Neil Young, Violent Femmes ou Micah P. Hinson algunhas das súas referencias, xunto a grupos de pop-rock estatal coma Los Enemigos ou Antonia Font e a formacións galegas coma Os Resentidos ou a Psicofónica de Conxo. Porén, o grupo realiza tamén incursións noutros estilos coma o punk (I will turn), o vals (Tres cantos a Lenin) ou o tango (Tango do sintasol).
As letras do grupo caracterízanse pola súa estreita relación coa literatura (Afganistán canto). Nelas tamén están presentes o pouso xeracional (Galicia es una mierda) e a vontade de experimentación lírica (Ourizo).
Powered by  | | English | | Albanian | | Arabic | | Bulgarian | | Catalan | | Chinese | | Croatian | | Czech | | Danish | | Dutch | | Estonian | | Filipino | | Finnish | | French | | Galician | | German | | Greek | | Hebrew | | Hindi | | Hungarian | | Indonesian | | Italian | | Japanese | | Korean | | Latvian | | Lithuanian | | Maltese | | Norwegian | | Polish | | Portuguese | | Romanian | | Russian | | Serbian | | Slovak | | Slovenian | | Spanish | | Swedish | | Thai | | Turkish | | Ukrainian | | Vietnamese |
|
|
|
|