NOISE PROJECT: "SOBRE TODO TENTAMOS IMPROVISAR"
Noise Project son un quinteto de Valga que case sen querelo se teñen convertido nos herdeiros dunha tradición -a da música de vangarda feita en galego inaugurada por NHU nos 70's- que levaba dende a separación dos Resentidos orfa de continuadores. No seu debut, Teleclube, danse cita o post-rock, o shoegaze, o pop, o rock e o noise pero estes anceios experimentais non quitan para que sexan unha banda cos pés na terra, alonxada do estereotipo de grupo arty sen sentido do humor que se toma o que fai demasiado en serio. Isto é o que nos contaron.
Nas vilas galegas pequenas sobran fans de Iron Maiden pero non de Pavement e My Bloody Valentine, como foi que penetraron eses sons na moi sana mocidade de Valga?
Creo que como a maioría supoñemos, lendo as típicas revistas indies (coas súas correspondentes listas de "o mellor de…", por algunha radio e por amigos como no caso de Raúl (guitarrista), que neste caso descobreu a My Bloody Valentine a través do noso amigo Lhilho.
E como decidistes dar o paso de ser un grupo de amigos que morren pola música a tentar emular aos vosos deuses?
Pois un día vendo a The Refrescos actuando no Luar, decidimos que nós tamén podiamos adicarnos á música, e algún día poder deixar de traballar.
Foron moi duros os comezos? Alguén tocaba xa algo? Como foi o reparto de instrumentos?
a) A verdade é que os comezos foron un pouco haciagos, inocuos e algo incoloros; pero nós non desistimos. b) Víctor (batería) sabía tocar o baixo e algo a guitarra c) Xogámolo ós chinos, menos a batería que tivemos que xogala ós barrenasos porque todos queriamos tocala.
Que método seguides para compoñer? Chegades ao local cos temas xa feitos ou é cousa de improvisación pura e dura?
a) Normalmente trae o esquema das cancións Víctor (batería) da casa, e o resto intentamos seguilo como podemos, sobre todo tentamos improvisar en clave free.
E as letras, como saen?
Na maioría das veces maiormente nos decantamos por utilizar sonetos, aínda que nalgunhas ocasións arriscamos con versos alexandrinos.
E como vos repartides quen canta cada tema ou que guitarrista toca cada parte?
Ás tumbas (sempre está a competición moi disputada porque estamos todos mega-cachas).
No grupo hai faccións que quererían facer música só instrumental, como van esas tensións entre os dun bando e outro? Cara onde ides tirar?
a) A raíz de ter un guitarrista menos, plantexámonos dar un pequeno xiro estilístico no rumo do grupo, a verdade é que un pouco de tensión sempre fai falla nun grupo. b) Tentaremos, vendo os novos temas que estamos a compoñer, tender cara composicións máis longas e de carácter máis instrumental.
Vos estades a camiño entre varios estilos pero imaxino que todo ten un límite. Que estilos nunca se incorporarán ao son de Noise Project?
Noise Project está aberto a case todas as músicas, só teñen que estar feitas de verdade, con ansia e nervo.
Facedes algunha versión ao vivo? E no estudo?
a) Ao vivo tocamos (non necesariamente todas): "I wanna be your dog" (The Stooges), "Wild thing" (The Troggs) e "Rapaciña" (Andrés Dobarro). b) Nos ensaios últimamente estamos destrozando "Love will tear us apart" (Joy Division), "Mejor" (Los Brincos) e "I wanna have some fun" (Samantha Fox).
..:namespace prefix = o ns = "urn:schemas-microsoft-com:office:office" />
Antes do verán estivestes tocando no Porto, que tal foi a experiencia? Que vos sorprendeu máis do moi peculiar público portgués?
a) Unha experiencia xenial, xa que tanto Audiencia Zero (Organización), Veados Com Fome (compañeiros de cartaz) como o público portugués se portaron de forma fantástica, a verdade é que non poderiamos dicir nada negativo. b) sobre todo destacaríamos o respeito e a seriedade con que responderon ante a nosa proposta.
Vides de editar o voso primeiro disco, Teleclube. Como foi o proceso de gravación sendo a vosa primeira vez no estudo?
O proceso de gravación foi máis rápido de que pensabamos, pero a mestura alongouse máis do debido xa que xurdiron numerosas e positivas discrepancias internas.
Un dos vosos tres guitarristas ven de emigrar, sobreviviredes con dous ou tedes pensado novas incorporacións?
Agora mesmo estámonos adaptando a tocar con dúas guitarras, pero Noise Project sempre está aberto a novas experiencias (Búscase trompetista cun mínimo de tres anos de experiencia contrastada, nivel medio-alto de inglés, ofrécese contrato mercantil e trompeta a cargo da empresa).
E a nivel estilístico que rumos ides tomar? Vai ter máis protagonismo a electrónica que sae do laptop de Ernst?
a) Estamos pensando en poñer duas chicas para os coros, e nós vestiremos pantalón de tergal e americana (todo comprado na de Chipinete). b) Probablemente, intentaremos integrar os sons dixitais do laptop cos sons eléctricos do rock, buscando a mellor mestura posible sen caer nos típicos arranxos electrónicos que tanto abunda agora por aí.
Que plans tedes para o que queda de 2007? E para 2008?
a) Pensamos seguir traballando no ensaio e seguir quitando novos temas. b) A nosa idea é ir gravando sempre que sexa posible, e se temos suficiente material novo iremos gravando o que xurda.
Como vedes o estado da escena galega? Sodes dos optimistas ou dos excépticos? Estamos vivindo o mellor tempo que se recorda ou simplemente é algo que está a acontecer a nivel mundial?
a) Nós vemos unha clara conexión Montreal-Galiza-Berlín moi interesante. b) Non sabemos o que durará, pero a actualidade musical está nun bon momento, o importante e conservar o apoio dos medios underground e intentar traspasar a fronteira do local. c) Non entendemos moi ben esta pregunta, debe ser porque nós salimos en 6° de E.X.B. xa que os profesores nos tiñan rabia.
Vós pertencedes á asociación Os Penoucos, organizadora do Festival ArteNativa. Como valorades esta primeira edición? Vai a haber unha segunda? Que cambiariades nesa segunda?
Moi positivamente, xa que conseguimos unha boa organización (con tada humildade), unha grande calidade entre o selecto público asistente e uns concertos de gran nivel. b) Por suposto que sí c) Esto terémolo que comentar entre toda a organización, xa que somos moitos máis aparte de Noise Project.
Ademáis temos algo de resaca desta edición, aínda non estamos para pensar.
Que grupos galegos actuais vos tiran máis?
Drenching Haze, CatPeople, Colectivo Oruga, The Iribarnes, Devalo, Middle-Brain, Funny & Alexander, Sebastopol, Triángulo de Amor Bizarro, Quant, O Leo I Arremecághona!!, José Verdugo, Projecto Mourente, Hannom Ausse, 6pm, Roty340, Novedades Carmiña, Mecánica Celeste, The Rexurdidos, Blixdeina, Vale Tudo, Why Go… e moitos máis dos que nos esquencemos.
E na escena internacional que grupos son os que máis vos chaman a atención ultimamente?
Hai vai un resumen (aínda que algúns non é que sexan moi actuais): Liars, Arcade Fire, Wolf Eyes, Becerro, Deerhunter, Nathan Fake, Grinderman, Fennesz, The Gossip, Boards Of Canada, Tool, M83, Alva Noto, Xiu Xiu, Manu Chao, Experience, Junior Boys, Dyana Kurtz, David Vandervelde, Burial, Fela Kutie, She Wants Revenge, No-Neck Blues Band, El-P, Sleeparchive, Jan Garbarek, Young Tears, Shakleton, Throbbing Gristle, Ricardo Villalobos, Lisabo, Pan Sonic, Shellac…
Mil grazas polo voso tempo e a seguir facendo avanzar a música galega contemporánea.
Vincent Jalo