MySpace
myspace music

ATAQUE ESCAMPE Rock de serie B

Ataque Escampe



Last Updated: 12/2/2009

Send Message
Instant Message
Email to a Friend
Subscribe
02 Sep 08 Tuesday 

                                                      1


 

É un segredo a voces que os debuxos animados de Akira Toriyama foron o máis parecido a unha cosmogonía que coñecimos os nenos ateos da nosa xeración. Aprendeunos que o ser humano pode inventar nomes que non existen, e puidemos utilizar todos eses nomes para esta danza de guerra que nos leva a inmolarnos ao bonzo como última solución. Cara ao final demos rédea solta á procura de sonoridades supostamente xaponesas (e que non o son en absoluto) como as cuncas tibetás e as escalas pentatónicas. A batería sintética foi o noso tambor de combate para que se note que estamos de moi mala hostia desde que xa non hai verán no planeta Namek.

                                                          2


 

Non somos nada agás a nosa máscara. O que ven os outros é o que hai. N'A granxa de Alexandre nunca pasamos fame porque así o decidimos nós. Que máis dá se despois arranxamos as nosas diferenzas a navalladas e bebemos porque non temos cartos para comer? Sempre diremos: son as cousas do rock de serie B. E seguimos sorrindo mentres o galo de madeira do tellado nos censura coa mirada. E seguimos facendo todo o que non se debe facer: deixar falar os banjos nos retrousos e os serruchos nas pontes e os clarinetes nos intervalos. Ademais polas costuras parece escapar por momentos un son de rumba. Que non é, por certo, un ritmo español. E despois, no Tarasca, Carlos Figueiras invítanos ao quinto whisky. Non se vive tan mal nesta granxa despois de todo.

                                                       3


                                                       

Nadina é unha melodía monótona que se vai cubrindo de ruídos verso tras verso. Todo o tempo parece que algo ten que rebentar e nunca rebenta nada. Iso é a vida, non? Limitámonos a enumerar os lugares onde cabe o amor, mais isto non é máis que a punta do iceberg. A gran traxedia está moi por debaixo e nós non a coñecemos.

                                                      4

 

Up patriots to arms! Non imos confesar se escoitamos ou non os nosos contemporáneos, mais estamos dispostos a facer unha canción sobre eles e a tocar a guitarra igual de forte ca nun directo do máis puro rock de serie B. O noso mamoneo achégase perigosamente ao beixo negro e por iso ten un sabor, digamos, incómodo. Non temos moito medo de ser unhA banda desdenhada (co seu nh e todo) despois deste catálogo musical de 2 minutos. Somos malvados, mais estamos cheos de amor.

                                                     5


 

Serafín é unha canción escrita desde a máis pura envexa. Nunca a tomamos moi en serio e por iso lle puxemos un baixo anos oitenta. E despois, para redimirnos, Ramiro Ledo, que é un santo, fíxonos un videoclip. Ao final hai unha descarga de electricidade que gravamos cunha guitarra de 7 cordas para tocar heavy metal, e por iso se se escoita o tema do revés aparece a marcha do antigo reino de Galiza.

                                                         6



 

Un home confesa, con infinita vergoña e unha certa tenrura, as limitacións amorosas que lle impón o seu xénero. Isto é todo o que contamos en I'm not your man. Servímonos dunha cadencia tranquila de ondas do mar e dunha tuba na que se reflicte o sol da hora do vermú. O violín desafinado dá a clave tan necesaria de que ninguén é perfecto, e os coros duduá saben a gotas de coñac no café. Leonard Cohen afirmaba: son o teu home, e acabou nun mosteiro budista. Nós, que non o somos, seguiremos dentro de cincuenta anos igual de bébedos e de viciosos.

                                                         7


 

Na vida nocturna de Compostela, mentres hai Ruta hai esperanza. Cando o Ruta pecha só queda a cama, o croissant ou o campo de nabos. Non é que aspiremos a que a futura canción para pechar o Ruta (privilexio que hoxe por hoxe, cremos lembrar entre as nebulosas do alcol, ostenta Radiohead) sexa esta. Conformámonos con conxelar eses amenceres de mans frías através dunhas cordas profundas e unha percusión con alma grande que evoca o Harvest de Neil Young. Canta o guitarrista porque ao cantante habitual lle saltaban as bágoas no solo de kazoo. A voz feminina convirte esta carnicería nunha imaxe onírica filmada friamente por David Lynch. A nós nunca nos ha de pasar o que conta a canción porque en Compostela temos onde parar, mais para o resto aconsellamos non coller nunca o carro despois de pechar o Ruta, que é moi perigoso conducir co corazón roto.

                                                           8


 

Quero ser o malo da película é unha das primeiras cancións de AE e, casualidade, fala sobre a furia e a destrución. O tema pode parecer dunha crueldade gratuíta, mais dixo alguén que co guión de vida que se nos impón a única actitude sá nestes tempos só pode ser a de querer ser o malo da película (ou filme). E outra gran verdade é que os peores malos, os de verdade, sempre teñen unha profundidade que non terá xamais o teu heroe, xa ves. O violoncello sintético que fai os graves dálle á canción o punto tétrico que merece, e pola metade un cuatro venezolano axúdanos a crear a falsa calma do ollo do furacán que rebenta finalmente no riff do violín. Nunca sabemos se este tema é triste ou alegre. 

                                                          9


 

Vista Alegre é un bairro de Compostela en cuxas tascas é doado atopar os músicos de Ataque Escampe libando os néctares de 50 céntimos e degustando as ambrosías que poñen de petisco. Tampouco nos enganemos: unha tasca de Vista Alegre non é un guateque, e a euforia que dá o seu viño vai sempre contrapunteada de amargura (e non, non falamos da calidade do viño), por iso o tema ten o ton circunspecto que ten que ter unha boa canción tabernaria. Ademais antes de rematar a gravación pechou o Mariñeiro, que era onde pediamos os cafés con coñac e viceversa e liamos o horóscopo en voz alta (o Mariñeiro era escorpio), e por iso acabou vencendo a tristeza e fixemos que os acordeóns soasen máis longos e mantidos do normal e que a trompeta do final fose unha despedida digna dun filme de Sam Peckinpah. Ah: non á SGAE.

                                                    10


 

Se o filósofo francés Alain Badiou chegase coa súa vella guitarra ás costas e o seu chapeu texano gastado a un bar de Nashville, miraría arredor, levantaría o copo de bourbon na dirección da rapaza loira do fondo (a que está sentada a carón do touro mecánico), tusiría sen dúbida e cantaría Arredor da cuestión nacional. Unha canción de amor. A nosa humilde aportación á música de raíz. Un momento: de que raíz?

                                                  11


 

Un artigo aparecido na revista Sada Masoquista e asinado por un misterioso Alfonso González del Campo deunos a idea. "Patatas, maíz, millo miúdo". Eureka. O resto foi unha necesidade exibicionista de facermos o hara-kiri diante de todo o mundo. Galicia es una mierda? Depende, claro. En calquera caso é do tipo de cousas que alguén ten que dicir para que se fale delas e nós, que ninguén o dubide, estamos aquí para abrir e reabrir feridas. Hai unha batería por ordenador e un xilófono do xuízo final. E sobretodo enumeracións: bos e malos, amigos e inimigos, vivos e mortos, coñecidos e descoñecidos, todos estamos condeados a viaxar xuntos na arca de Noé. Retranca? Claro. Ironía? Tamén. Descontento? Moito. En todo caso, que remate canto antes o dioivo e despois falaremos. Boas noites, e até mañá.

                                                       12


 

Afogar as penas en ficción está ben, aínda que cómpre non perder tampouco de vista a botella. Raymond Chandler sabíao moi ben. Un festival de instrumentos de corda, con trasteos deliberados, para esta historia difícil que se chama O longo adeus.

                                                       13

 

 Que facer? Os problemas do noso movemento xa non son candentes: son fríos como a resaca nun motel de Las Vegas en inverno. 3 cantos a Lenin é cando o desencanto, o despropósito e o desamor se che condensan nos ollos e soa a un blues que non se dá disfrazado de todo ben de valse apesar do metrónomo. Son os vellos tempos que nunca voltarán e as pantasmas no fondo da botella de Smirnoff. A tristeza non é necesariamente pesimista e os finais tristes son os únicos que anos despois se poden perceber como fermosos. Un iak diría que Siberia tamén pode ser un lugar agradábel. E que nos queda, tovarich? A miseria da vida? Non moito que facer, abofé. Se acaso, falar da liga de baloncesto cos mencheviques.

Ataque Escampe

 
Xa sei que está moi mal que o diga o que o colgou...pero, ostiá, quedou precioso!
 
Posted by Ataque Escampe on 21 Feb 08 Thursday - 15:43
[Reply to this
Qronopios

 
Qronopios vendo estes comentarios compra o disco e prometo incluilo nalgunha unidade didáctica da escola de música da banda de Muimenta
 
Posted by Qronopios on 26 Feb 08 Tuesday - 15:10
[Reply to this
Diana
Diana Pereiro Montes

 
joder, ainda nunca lera todo esto, estou ociosa de carallo neste domingo de resaca!...tes razón que che quedou precioso, sobre todo a descripción da "canción para pechar o Ruta"...tal cuál, e que tal cuál!!...agora que son residente na cidade lucense e depresivamente perigosa polo tema de que "xa non vivo en Compostela", podo afirmar, que cada vez que vou (que é obvio que esto é algo frecuente...teño pechado o Ruta con vos incluso), cando soa o Creep de Radiohead, pásame un camión apisonadora ou camión/trailer C+E deses por riba, e sumerxida no meu alcoholismo-100pipperismoCONcola penso..."xa está, isto foi todo..."...é terrible...pero afortunadamente sempre teño onde parar tamén.
Eso mismo. Pero a pesar de todo esta non é a que máis me gusta...sempre por los siglos de los siglos amén, será "A banda desdenhada" e "A granxa de Alexandre". É asi. E non hai máis.

Saúdos compadres!
 
Posted by Diana on 24 May 09 Sunday - 17:54
[Reply to this